Un informe sostén que o Wi-Fi imperará como tecnoloxía de banda larga no rural galego

mércores, 27 de xullo do 2011

O Wi-Fi parece ser o cabalo gañador entre as distintas tecnoloxías de banda larga sen fíos

Un informe realizado polo enxeñeiro de telecomunicacións da empresa Electrotelecom, Miguel Ángel Salgado Varela, con experiencia no despregamento e avaliación de tecnoloxías para levar a banda larga ao rural galego, asesorando a numerosas administracións públicas e empresas privadas sobre a elección de tecnoloxía, indica que o estándar IEEE 802.11n é a tecnoloxía máis económica que permite o despregamento máis rápido e eficaz, á vez que ofrece mellores prestacións, o que dá a entender que a solución adoptada polas empresas que conforman OperGal e que están a levar aos seus clientes o acceso á Rede a través de Wi-Fi N non só é a axeitada, senón que tamén ten unha proxección de futuro, pois a evolución desta tecnoloxía (definida baixo o estándar IEEE 802.11ac) promete velocidades superiores a 1 Gbps, podendo chegar incluso a 6 Gbps.
O mencionado informe está avalado por un grupo de investigación da Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo dirixido polo enxeñeiro Fernando Fontán, e podería servir para contrastar as distintas tecnoloxías que poden levar a Internet ao rural, especialmente ante a inminencia da resolución dunha liña de axudas da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, á que concorren a galega Intermax Technology e Telefónica. É precisamente a compañía melidense a que optou polo estándar IEEE 802.11n para as súas redes (apoiándose en outras solucións alí onde sexa preciso grazas a acordos con outros operadores).
O estudo asegura que a banda larga a través de 3G (a promovida por Telefónica) ten unhas velocidades típicas de 3,6 Mbps cunha velocidade de 384 Kbps de subida (podendo chegar a 7,2 Mbps de descarga e 1,4 Mbps de subida) que tende a estar dispoñible só nas zonas máis poboadas, caendo a velocidade a un modo máis básico que daría unha velocidade de 384 Kbps, aínda que estas tecnoloxías están a evolucionar para permitir velocidades de ata 42 Mbps de baixada e 12 Mbps de subida (coa tecnoloxía HSPA+), mentres que a opción defendida por Intermax, baixo o estándar IEEE 802.11n, pode conseguir velocidades moi superiores (actualmente dan servizo ata a 100 Mbps, podendo chegar a 300 Mbps e agardando chegar a velocidades de 1 Gbps aplicando no futuro IEEE 802.11ac) cunhas coberturas de 5-8 quilómetros (podendo chegar aos 10 quilómetros).
Conclúe o estudo que Wi-Fi N é a tecnoloxía candidata a ser o acceso dominante no rural galego pola súa implantación actual e o seu baixo custo.

PUBLICIDADE