Un estudio sueco prepara un absurdo simulador de cabra

mércores, 12 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Coffe Stain Studios, equipo sueco responsable do xogo híbrido entre FPS e tower defense Sanctum 2, publicou un vídeo dun xogo sen rematar que desenvolveron só para divertirse, e ante a expectación creada (leva xa máis de 2,4 millóns de reproducións e milleiros de comentarios) decidiron seguir adiante coa súa absurda proposta: un simulador de cabra.
O Goat Simulator xa non é unha carallada desenvolvida “nun par de semanas” (lembrando ao fenómeno que nos últimos días xurdiu ao redor de Flappy Bird) senón que este título abre xa un proceso de reserva no que os interesados poden adquirir o futuro xogo por 9,99 dólares, recompensándose a compra anticipada coa oportunidade de gozar do xogo 3 días antes da súa estrea oficial.
Os creadores deste ridículo xogo no que tomamos o papel dunha cabra para facer tolerías nun escenario aberto advirten de que non serán quen de facer un “GTA con cabras”, polo que chegan a recomendar que antes que gastar dez dólares no seu xogo sería preferible adquirir un hula hoop, uns ladrillos ou incluso unha cabra real.
Goat Simulator espera estar dispoñible durante a primavera, carecerá de modos multi-xogador, dirixirá a súa mecánica a aproveitar as tolerías que permitirán as físicas e incluso conservará moitos dos fallos detectados na súa versión de proba por considerarse divertidos. Pretenden que se publique a través de Steam e incluso esforzaranse para que permita o uso do Steam Workshop para que os usuarios poidan editar os seus propios niveis. Un magnífico exemplo de que o principal obxectivo dos videoxogos é a diversión.


Vídeo promocional da apertura do proceso de reserva do Goat Simulator

PUBLICIDADE