Un espantallo 2.0 e un chaleco vibrador para discapacitados auditivos destacan en Galiciencia 2016

venres, 18 de novembro do 2016 Redacción

Natalia Fariña, xunto ao seu profesor David Ballesteros, recollendo o 2º premio de Galiciencia 2016

O xurado de Galiciencia 2016 seleccionou entre 50 proxectos os máis salientable para poder acudir á feira científica estatal Exporecerca 2017, entre os que non podemos evitar destacar os gañadores que fan un maior uso das TIC, entre os que estarán o segundo premio absoluto e o proxecto máis innovador.
Como segundo premio temos o espantallo 2.0 deseñado por Natalia Fariña, das Aulas científico-tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso. A investigadora construíu dous modelos de espantallo para comparar a súa eficacia: un convencional feito con roupa vella, xornais e unha pelota, e outro innovador, con forma piramidal. Este último estaba impreso en 3D, recuberto de papel reflectinte para molestar á vista dos paxaros e tamén reforzouse con LED para poder funcionar cando non houbese sol. No seu interior leva unha placa electrónica na que están conectadas, aparte das luces, unha placa de humidade, unha de son e un sensor de movemento. Sobra dicir que tras as probas realizadas o espantallo 2.0 demostrou maior eficacia que o tradicional.
Por outra banda, José María Blanco e David Zapatero, do Colexio Plurilingüe Montecastelo de Vigo, recibiron o premio ao proxecto máis innovador polo seus sistema de percepción somatosensorial mediante a estimulación vibrotáctil en persoas xordas. Este proxecto pretende mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade auditiva, para o que crearon un chaleco axustado ao corpo no que se sitúan uns micromotores vibradores estimulados polos sons do ambiente e interceptados por un micrófono conectado a unha placa Arduino que emite sinais eléctricas que chegan aos motores producindo distintas combinacións de vibracións polas que os usuarios perciben o que acontece ao seu redor.

Fotografía de grupo dos participantes en Galiciencia 2016

PUBLICIDADE