Un equipo de investigación prepara unha web que inclúa tódolos nomes galegos de lugar

martes, 7 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Galicia Hoxe informa estes días dunha proposta a medio camiño entre o tecnolóxico e o xeográfico e que podería contribuír -por unha banda- a coñecernos mellor a nós mesmos e, pola outra, a poñer orde de xeito definitivo no (en ocasións turbio) panorama dos nomes galegos lexítimos de lugar. Trátase do Proxecto Toponimia de Galicia, dirixido polo secretario da Comisión de Toponimia da Xunta, Xermán García.
Esta iniciativa, que foi dada a coñecer durante a segunda edición do Congreso Internacional de Onomástica Galega, permitirá acceder na pantalla do computador a un mapa que incluirá nunha serie de menús por concellos tódolos nomes de lugares de Galiza, dende o máis miúdo e en perigo de desaparecer (leiras, ríos, montes) até o máis xenérico.
Para acceder a estes servizos, que terán a súa parte visible nunha web co mapa da nosa terra, haberá que agardar uns meses, posto que o proxecto aínda está en fase de licitación. Un dos puntos que de verdade lle vai achegar interese a esta iniciativa, amais dos xa comentados, vai ser a posibilidade de facer un clic sobre cada topónimo co fin de achar datos sobre as súas orixes, se é unha formación natural ou froito do home ou se hai outros semellantes en Galiza.
Mesmo se detallará con ese simple acto de premer como é a versión escrita normalizada e como é a expresión fonética. Traballando arreo neste proxecto hai un equipo integrado por investigadores de diferentes eidos, moitos deles (como é de imaxinar) estreitamente cinguidos ó traballo ó aire libre, á procura de documentación casa por casa.

PUBLICIDADE