Un congreso virtual celebrará os 10 anos de LaconNetwork

xoves, 13 de maio do 2021 Redacción

A LaconNetwork, encontro de profesionais do sector TIC galego que leva máis dunha década celebrándose, muda de marca e dá lugar á primeira edición do Galicia Startup Congress, un evento que busca xuntar o amplo tecido que supoñen as TIC en Galicia baixo un mesmo paraugas, de carácter informal pero estable.
Na súa primeira edición en liña, baixo o lema «de incomprendidos a pioneiros en emprendemento e innovación», o Galicia Startup Congress presentará o máis ambicioso dos seus programas. Este converterase no epicentro do noroeste peninsular, en canto a innovación, emprendemento e investimento. Así mesmo, o Galicia Startup Congress asemella unha gran oportunidade para emprendedores, investidores e todos aqueles que gusten de introducirse no mundo das tecnoloxías e de levar os seus negocios cara a un modelo cada vez máis presente e globalizado.
As retransmisións desta primeira edición, que contará con máis de 35 relatores, poderanse seguir de balde e en directo a través da Rede. Tamén participarán no evento máis de 50 investidores, 10 aceleradoras, 400 startups e emprendedores; así como, 20 corporates. Todos eles reunidos baixo un networking no cal poderán compartir os seus retos e propostas.
O congreso consistirá en keynotes, mesas de debate e masterclass con numerosas figuras representativas de primeiro nivel. Como sinalan os propios organizadores, «buscamos potenciar os proxectos máis tecnolóxicos e válidos, poñendo á súa disposición un espazo no cal presentar os seus proxectos #ante corporacións e investidores; e, así, lograr o apoio económico que necesitan».

PUBLICIDADE