Ultiman unha base de datos sobre localizacións galegas para o cinema e a TV

luns, 5 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Da man de Manu18, a vila de Malpica, un importante enclave galego de localizacións

Tirar partido da Rede para que a nosa terra estea máis presente no audiovisual, na TV e máis na propia Rede. Este é un dos grandes obxectivos da ferramenta que vai habilitar durante este outono a nova axencia de localizacións e servizos de produción audiovisual Localizacións Audiovisuais de Galicia (LAG), unha base de datos en liña de escenarios (paraxes naturais, enclaves de riqueza artística, paisaxística, etnográfica, cultural) nosos con potencialidade para enriquecer todo tipo de producións e proxectos.
A iniciativa, segundo reflicte AGAPI na súa páxina web, busca crear valor no sector audiovisual galego, “ofrecendo unha ferramenta sinxela e práctica que beneficiará ás produtoras que teñan proxectos en fase de preprodución e dando a coñecer o patrimonio artístico e natural da nosa comunidade co obxectivo de atraermos máis producións nacionais”.
Con este fin, a axencia deu comezo a unha xeira de traballos para incluír na súa base de datos todo tipo de inmobles e terreos de persoas particulares nos que sexa posíbel, por medio de aluguer, desenvolver rodaxes de cinema, televisión e anuncios de publicidade.

PUBLICIDADE