Ubisoft oferta varios dos seus grandes xogos a través de Humble Bundle

mércores, 3 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A iniciativa Humble Bundle conta durante un par de semanas cun socio de grande peso, xa que é a editora Ubisoft a que ofrece varios dos seus xogos para contribuír a causas benéficas que neste caso son a Extra Life (proxecto semellante a Juegaterapia) e Stack-Up (que utiliza a paixón polos videoxogos para conectar cos veteranos de guerra), destacando desta volta non só por incluír distintos xogos en función da achega económica que realicen os participantes, senón tamén ofrecendo a posibilidade de adquirir de xeito anticipado o que promete ser o seu grande éxito da tempada, Tom Clancy’s The Division, xunto cunha camiseta exclusiva (que recibirán, xunto co resto de contidos, os que paguen a partires de 75 dólares).
As persoas que contribúan á campaña con a partires de 1 dólar poderán incluír na súa biblioteca de Steam os xogos Call of Juarez: Gunslinger e Grow Home, e tamén Rayman Origins na plataforma Uplay (propia de Ubisoft), na que estarán o resto dos xogos deste Humble Bundle.
Os usuarios que paguen máis da media (7,38 dólares no momento de escribir estas liñas) poderán facerse con Far Cry 3, Tom Clancy’s Splinter Cell Blacklist, Assassin’s Creed Chronicles: China e algún xogo máis que se incluirá no lote a semana que vén; mentres que pagando a partires de 15 dólares a recompensa elévase bastante, e inclúe Assassin’s Creed Rogue e The Crew, xogos de grande éxito que aínda hoxe teñen un prezo de venda de 29,95 euros (polo que poderiamos asegurar que están a un prezo de auténtica ganga grazas a esta campaña solidaria).

Assassin’s Creed Chronicles: China é unha pequena aventura que amplía o universo de Assassin’s Creed cunha ambientación extraordinariamente coidada

PUBLICIDADE