Twitch padece un ataque informático e insta ao cambio de contrasinais aos seus usuarios

martes, 24 de marzo do 2015 Marcus Fernández

O popular servizo de streaming de videoxogos, Twitch, recoñeceu unha intrusión nos seus sistemas, e para curarse en saúde, fixo caducar todos os contrasinais dos seus usuarios e desconectou todas as contas de Twitter e YouTube, de xeito que cando os usuarios volvan conectar terán que crear un novo contrasinal como medida de seguridade. Amais tamén advirten aos usuarios que muden os contrasinais doutros servizos que poidan ser semellantes aos que empregan en Twitch.
Dende Twitch aproveitan a ocasión para dar recomendacións sobre a elección de contrasinais seguros, para o que é preciso combinar letras, números e incluso carácteres especiais, fuxindo de palabras de dicionario soltas, ou incluso empregando un administrador de contrasinais (que xera claves aleatorias).
Estamos ante unha intrusión que nun principio só afectaría a credenciais de acceso e datos de contacto básicos (no caso de que o usuario os subministrase), mentres que a información de tarxetas bancarias non está almacenada integramente nos servidores de Twitch, polo que manteríase segura.

PUBLICIDADE