Tres novas demos no mesmo día

xoves, 5 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Hulk Hogan e André o Xigante enfrontaranse en WWE Legends

O Bazar de Xbox LIVE está que ferve, pois ao longo do día foron incorporándose ao seu catálogo un total de 3 versións de demostración de videoxogos listos para a súa descarga por parte de usuarios Gold, algo do que non nos constan precedentes, pois incluso resulta rara a estrea de 2 demos no mesmo día.
Un dos xogos que xa se pode probar é WWE Legends, que vén a ser unha variación dos xogos de loita libre americana que tanto éxito teñen pero que, en vez de centrarse nas actuais estrelas televisivas deste deporte, recorre aos clásicos: loitadores que eran populares a primeiros dos anos 90, cando se podían seguir no programa Cuadrilátero da TVG e máis adiante no Pressing Catch de Telecinco. Deste xeito, os afeccionados deste tipo de xogos poderán recrear grandes combates con loitadores coma Hulk Hogan ou André o Xigante.

Wheelman está ambientado nas rúas de Barcelona

As outras dúas demos teñen moita relación con España, pois o xogo Wheelman que se desenvolve nas rúas de Barcelona permite probar parte do seu modo historia e 2 das súas 105 misións secundarias na versión de demostración que xa podemos descargar, mentres que Wanted: Weapons of Fate, xogo desenvolvido nuns estudos sitos en España , permite botar un ollo ao que achegará este título que se presenta como unha secuela da película Wanted (protagonizada por James McAvoy, Angelina Jolie e Morgan Freeman) na que Wesley Gibson debe rematar dunha vez por todas coa Fraternidade, organización de asasinos, para o que terá que facer uso de habilidades como poder disparar balas curvas.
As 3 versións de demostración tamén deberían estar dispoñibles dende hoxe para a PlayStation Network, polo que os usuarios de consolas de alta definición teñen unha interesante oferta de xogos a analizar de cara a decidir as súas futuras compras.

Wanted: Weapons of Fate é un xogo desenvolvido en España

PUBLICIDADE