Trasno súmase ás celebracións galegas do Día do Software Libre

xoves, 16 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Os usuarios e deseñadores galegos de programación aberta non queren deixar pasar a oportunidade de erguer a voz no Día Mundial do Software Libre que se celebra o 18 de setembro, sábado, e que ten no encontro Kernel 2010 da vila de Mugardos un dos seus meirandes altofalantes. Pois ben, se os días pasados falabamos da participación nestas actividades, que comezaron hoxe, de colectivos galegos como O Zulo (organizador do evento en cuestión) ou GALpon (que presenta a versión final do MiniNo Alguadaira), cómpre sinalar tamén o apoio directo de Trasno, que se suma á celebración xunto coas restantes comunidades galegas de software libre co obxecto de divulgar os beneficios que supón o uso de software libre en tódolos eidos educativos, culturais, institucionais ou empresarias que nos rodean.
Segundo informa Trasno dende a súa web, a xuntanza convocada en Mugardos e por extensión a festividade do Día Mundial do Software Libre vai ser unha boa oportunidade para expoñer as vantaxes destes programas informáticos abertos no fomento da igualdade de oportunidades perante a tecnoloxía, amais de servir na promoción do diálogo sobre o dereito da cidadanía á liberdade da cultura e da información.

PUBLICIDADE