Touriño presenta o Foro Audiovisual de Galicia

martes, 19 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Touriño durante o acto de presentación do Foro

A Presidencia da Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia emprenden conxuntamente o Foro Audiovisual de Galicia, que presentou Emilio Pérez Touriño o pasado luns pola tarde nun acto no que estiveron presentes Manuel Ameijeiras (delegado do Goberno), Salvador Fernández Moreda (presidente en funcións da Deputación da Coruña), José Luis Méndez (director xeral de Caixa Galicia) e unha nutrida representación do sector do audiovisual galego.
O Foro pretende converterse en foto dinamizador e factor de consolidación do audiovisual para Galicia, sector que Pérez Touriño considerou de carácter estratéxico na súa intervención, argumentando que é “escaparate de identidade social e cadea de valor en termos económicos, expresión da alma colecta e peza nuclear da sociedade do coñecemento”.
Touriño tamén incidiu no feito de que o sector audiovisual é o que nos garante o “dereito á nosa propia imaxe”, e resulta crucial impulsalo porque supón unha “garantía de futuro” para incorporar Galicia en plenas facultades competitivas a este novo mundo “global, aberto e intercomunicado”.
Pola súa banda, Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación, caracterizou o Foro do Audiovisual como “un espazo aberto” que terá por obxectivos a definición de estratexias e a análise das necesidades da industria da imaxe, e engadiu que o Foro incide na formación continua e as promocións interna e exterior do audiovisual galego para servirlle de instrumento de debate e lugar de encontro e dinamización cultural.

PUBLICIDADE