Titirinoia renova web e lánzase de cheo ás redes sociais

martes, 10 de xuño do 2014 Redacción

O Festival de Monicreques de Noia, Titirinoia, vén de abordar unha campaña de promoción da actividade de seu facendo especial fincapé no ámbito dixital. Por unha banda a organización puxo en marcha unha páxina web renovada, www.titirinonia.com, dende a que achegar un foco principal e referencial de información sobre os detalles da segunda edición deste festival galego (días, programa de sesións, lugares das actuacións, grupos teatrais participantes, etc). Pola outra, abordouse unha completa estratexia de promoción nas redes sociais, botando man de sitios propios en Facebook, YouTube e Twitter e dunha etiqueta con vocación internacional: #todanoiaepartedoestranxeiroexpectante.
O festival en cuestión celebrase os días 11, 12 e 13 de xullo e contará, en palabras do seus responsábeis, “con algunhas das principais compañías de monicreques de Galicia, Catalunya, Aragón e Madrid”. Por exemplo Titiriteros de Binefar (Aragón), Centro de Titelles de Lleida (Cataluña) ou Producciones Cachivache (Madrid), ás que cómpre engadir as agrupacións galegas Viravolta Títeres, Marionetas Trécola, Inacio Vilariño, Marta Ortiz, Títeres Cachirulo, Raquel Queizás e Títeres Cascanueces.

PUBLICIDADE