Televigo bota o peche

mércores, 6 de novembro do 2013 Marcus Fernández

A concesión de licenzas de Televisión Dixital Terrestre de ámbito local en Galicia en 2006 está a resultar unha desfeita, premiando a grupos como Localia e Prensa Ibérica, o que ao longo do tempo estase a demostrar que foi unha mala decisión, pois abocouse ao peche de canles históricas na nosa comunidade mentres os novos adxudicatarios non chegaron a facer uso das súas licenzas de emisión (provocando situacións como a da cidade da Coruña, que tiña dúas canles locais antes do concurso e actualmente non goza de ningunha, e só 8 das 48 licenzas concedidas están activas) e dentro desta longa historia de desatinos temos agora que Televigo, canle que procuraron que pechase as súas emisións por emitir sen licenza, finalmente dirá adeus despois de que o Xulgado do Mercantil nº 3 de Pontevedra (con sede en Vigo) emitise un auto no que abre a fase de liquidación da empresa Telecidade, S.A., encargada de xestionar esta canle.
Esta decisión non tivo que ver coas denuncias previas nin cun peche administrativo, senón que foi decisión do Consello de Administración de Tranvías Eléctricos de Vigo, compañía que está detrás deste proxecto audiovisual con 18 anos de idade. Os empregados de Televigo aseguran estar vivindo unha situación de incerteza, pois hai poucos meses a asemblea de Tranvías Eléctricos de Vigo dera o seu visto bo ás contas de Televigo, polo que a decisión de peche pillounos por sorpresa.

PUBLICIDADE