Telefónica amplía o seu plan de axudas a clientes desempregados

luns, 4 de maio do 2009 Raquel Noya

Cumprindo co que anunciara o presidente de Telefónica España, Guillermo Ansaldo, o pasado 17 de marzo, de lanzar un plan da axudas a parados que sufren os efectos da desaceleración económica das súas empresas, esta compañía vén de anunciar hoxe a ampliación deste plan para entidades que teñan previsto levar a cabo procesos de regulación de emprego en breve; para que nos entendamos, para aquelas entidades que se vexan na obriga de despedir a traballadores.
Esta ampliación, para as liñas que accedan ás axudas, estará vixente ata a factura de xaneiro de 2010 e está deseñada de maneira que as empresas lle poderán ofrecer a aqueles empregados que se desvinculen delas, e queiran facelo, manter a liña móbil que ata ese momento a empresa poñía á súa disposición.
Asemade, os empregados que se desvinculen das súas empresas, e manteñan o número da liña móbil, poderán optar polo desconto do 50 por cento na factura mensual, cun máximo de 20 euros ao mes. O cambio da titularidade da liña, da empresa ao particular, estará exento de cargo algún e ademais, asignaranse á conta do cliente ata 2.000 puntos que lle permitirán acceder a un novo teléfono móbil pagando un prezo aproximado de 50 euros.
Telefónica vén de anunciar que lles fará chegar ao responsable de relación humanas de cada empresa, a posibilidade de sumarse ás axudas a través do asesor comercial que cada unha ten asigando. O cambio de titularidade, unha vez asinado por ambas partes e previa eliminación dos servizos propios de liñas corporativas (como as aplicacións de correo), será remitido á área de residencial, que tramitará o cambio de titularidade e procederá a dar de alta a liña na oferta.
Dende que o pasado 17 de marzo Telefónica anunciara as medidas para axudar aos seus clientes en paro, a operadora xa recibiu e tramitou máis de 100.000 solicitures, logo de ter descargados da súa páxina web máis de 200.000 formularios.
Os negocios de nova creación que xa se interesaron polas axudas e descontos no último ano, xa ascenden a 3.000.

PUBLICIDADE