Telefónica achegará 8,5 XB de amplitude de banda na vindeira edición da Campus Party

xoves, 9 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A treceava edición de Campus Party xa se albisca o lonxe (transcorre en Valencia do 27 de xullo ao 2 de agosto) no seu conxunto e cos seus apoios por separado. Entre estes últimos cómpre salientar o de Telefónica, que vén de anunciar a súa concorrencia no encontro dixital para a mocidade con nada máis e nada menos que 8,5 xigabytes de amplitude de banda, velocidade de conexión que a xuízo da operadora posibilitará aos internautas para levar a cabo unha descarga equivalente ao contido da Wikipedia en todas as linguas e nun tempo de 30 segundos. Telefónica, que se encargará polo tanto de achegar a infraestrutura precisa para que a party funcione, non é nova nesta concentración en concreto.
De feito, vena apoiando dende as súas orixes, en 1997, e cada ano semella que sube un novo chanzo no que se refire a capacidade de conexión e calidade da rede despregada. Máis información na nota de prensa de Telefónica (en pdf).
Para que todo vaia funcionando ben, amais dos técnicos despregados no encontro, o Centro Nacional de Supervisión e Operación da compañía encargarase dende Madrid de manter en todo intre os “niveis óptimos de seguridade de conexión, tanto para os participantes como para as usuarias e usuarios que se acheguen dende todos os recantos de España”.

PUBLICIDADE