Telecable di adeus ao fútbol para a tempada que vén

luns, 14 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O verán de 2015 será lembrado por moitos como o da guerra do fútbol, pois negociáronse numerosos acordos de emisión que principalmente contribuíron a que Movistar adoptase unha posición de grande forza que incluso levou a Vodafone a seguir unha senda bastante innovadora (aliándose con plataformas en liña como Netflix e HBO para completar a súa oferta audiovisual) e que como consecuencia máis acusada temos que o operador R quedaba sen fútbol televisado, deixando a súa oferta televisiva na peor situación da historia da compañía.
Ante esta situación produciuse unha resposta moi rechamante por parte de R, que recomendaba aos seus clientes que, de querer poder seguir gozando do fútbol, en vez de cambiar de compañía, recorresen a plataformas de deportes por streaming, en concreto, o servizo de Telecable.
Tedi era a plataforma de Telecable que permitía contratar canles de fútbol con independencia do noso operador (xa que as retransmisións realizábanse a través da Rede) e, para facilitar a adopción desta solución, incluso comercializaban a tediBox, un pequeno trebello con Android personalizado para poder recibir o sinal das retransmisións deportivas no noso televisor sempre que contemos cunha acceso á Rede a través de Wi-Fi ou cable cun mínimo de velocidade.
Pero esta interesante solución vén de dicir adeus, pois dende Telecable confirman que as condicións que esixen para a renovación dos dereitos de emisión do fútbol fan imposible de sustentar o negocio, polo que deciden botar o peche de tedi TV, advertindo de que en breve publicarán unha actualización da tediBox para liberar o dispositivo, pasando a ser un Android sen limitacións.

Alternativas a tedi TV

Pero o peche de tedi TV non fai que desapareza o fútbol legal por streaming, xa que aínda se manteñen en activo un par de plataformas bastante célebres en España: beIN Connect e Opensport.
No caso de beIN Connect, a plataforma ofrece as canles deportivas beIN Sports LaLiga, beIN Sports, LaLiga 1|2|3tv e GolHD por 9,99 euros dentro do seu lote de fútbol, destacando por contar tamén cun lote de canles de lecer (Fox, ANX, TNT, TCM, Fox Life, Nickelodeon, National Geographic Channel, Comedy Central e Historia) por 7,99 euros de xeito independente ou 14,99 euros de xeito conxunto co fútbol.
Pola contra, a oferta de Opensport é puramente deportiva, de xeito que as súas modalidades son 2: unha subscrición mensual por 9,99 euros e a posibilidade de contratar semanas soltas por 4,99 euros. En ambos casos aceptan 2 conexións simultáneas (mentres que beIN Connect só acepta 1 usuario de cada vez) e inclúe El Partidazo, La Liga 123, o motor, deportes extremos e incluso unha canle de loita, polo que esta oferta iría máis aló do fútbol, pero manténdose no ámbito deportivo.
Tanto beIN Connect como Opensport poden verse no PC, en dispositivos con Android (incluíndo Android TV) e iOS, a través de Chromecast e incluso no Apple TV, de xeito que a súa dispoñibilidade é bastante boa. Tamén hai algún Smart TV que inclúe as aplicacións para poder gozar destes servizos dun xeito cómodo.

PUBLICIDADE