Tegnix lanza Control Suprimir para ceibar ás empresas e aos centros docentes de tarefas de mantemento TIC cada vez máis complexas

xoves, 19 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

Carlos Rodríguez, director executivo de Tegnix, nunha entrevista no Centro Demostrador TIC

Como dixemos os días pasados en Código Cero, a firma Tegnix vén de impulsar un ambicioso proxecto de administración de sistemas baseado en GNU/Linux e encamiñado a centros educativos e PEME, o proxecto Control Suprimir, xa operativo e habilitado en galego e máis en castelán. Control Suprimir é un feixe de ferramentas que abrangue todo o que poidamos requirir en materia de mantemento para os ámbitos empresarial e docente. Cousas como o intercambio de ficheiros con permisos individuais ou por grupos, a xestión, as copias de seguridade automatizadas ou unha navegación por Internet máis rápida. Segundo nos conta Carlos Rodríguez, director executivo de Tegnix, Control Suprimir constitúe a prolongación do proxecto Abalar, “a través do que 75.000 equipos dos nosos centros educativos xa levan o sistema automatizado que deseñamos para a Consellería de Educación da Xunta de Galicia”.
Polo tanto, Control Suprimir é o servizo aplicado a centros educativos e empresas que precisen de mantemento integral de sistemas con GNU/Linux.
Na opinión de Tegnix, tanto uns (centros de ensino) coma outras (firmas do noso tecido produtivo) precisan a día de hoxe, máis que nunca, de servizos como Control Suprimir. Por que motivo? “Pois”, conta Carlos Rodríguez, “porque as novas tecnoloxías estanse empregando cada vez máis no ámbito docente e nas empresas, polo que a carga de horas do persoal de mantemento vai en aumento e faise preciso externalizar este servizo nunha empresa especializada como Tegnix”.
A principal particularidade do novo servizo da empresa que dirixe Carlos Rodríguez baséase na bagaxe e experiencia previamente xeradas. É dicir, Control Suprimir non sae da nada, e de feito estamos a falar dun servizo xa implantando nos 75.000 equipos de Abalar “cun resultado excelente”. Agora chega a un novo estado de evolución ofrecéndose ás entidades públicas ou privadas que o precisen.
Como dixemos, está baseado en software libre e código aberto. Isto, engade a empresa, empraza ao cliente nunha situación de “total liberdade” de escoller o mellor fornecedor, “malia que a oferta que achega Tegnix é a que mellor relación calidade/prezo amosa para o mantemento dos nosos equipos informáticos”, explican os responsábeis da firma, que salientan como unha das vantaxes principais do servizo a liberación de tempo do persoal TIC do propio centro adicado “ás complexas tarefas de mantemento onde a infraestrutura pode chegar a máis de 100 computadores”. Ademais, grazas a Control Suprimir pódese integrar o servizo co sistema de Xestión Administrativa (Xade) co que cada persoal do profesorado e mesmo do alumnado do centro ten a súa conta individual e independente do equipo onde traballe. Ademais, inclúese o servizo de “proxy caché”, co que a velocidade de navegación por Internet mellora substancialmente.
Polo que respecta ás empresas, diríxese a cubrir unha demanda específica das mesmas: a demanda de soporte técnico especializado en software libre e código aberto. Polo tanto, Control Suprimir ofrécelles, en palabras de Tegnix, “a solución axeitada para o mantemento da súa infraestrutura e despregue de servizos como compartir ficheiros, xestión de contas e permisos centralizados, proxy, redes privadas virtuais (VPN), teletraballo, etc...”.
Por certo que a web de Control Suprimir está xa plenamente operativa, www.controlsuprimir.com, ao igual que o teléfono da empresa onde recadarmos información, 986 12 40 40, e a conta de correo info@controlsuprimir.com.

PUBLICIDADE