Tecnoloxía galega para a recollida de lixo da capital dos Emiratos Árabes

xoves, 9 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía galega bótase fóra da casa, e ás veces máis lonxe do que calquera de nós podería agardar. Nesta liña é na que se move o grupo Formato Verde/TNL, con emprazamento na Tecnópole de Ourense, e que recibiu xa hai uns cantos meses o encargo de desenvolver un innovador sistema de recollida de residuos na capital dos Emiratos Árabes, Abu Dhabi. A infraestrutura, que incluíu o subministro dun centenar de colectores de alta capacidade de compactación, é filla do seu tempo: xorde da interrelación directa da innovación enerxética (en boa medida á procura de meirande eficacia e respecto polo medio) coas posibilidades das tecnoloxías dixitais (posibilidades de control, xestión, comunicación, etc). Así, a rede de colectores incorpora entre outros equipamentos TIC un sistema global de comunicacións.
Este encargo, informa Tecnópole, tivo o seu xermolo en 2008, cando Formato Verde resultou elixida polo concello de Abu Dhabi mediante un concurso de ideas para mellorar o impacto visual dos colectores na cidade, rebaixar os custes da recollida e reducir as consecuencias sobre o tráfico que xeraban decote os camións de lixo. A achega da firma galega, baseada no seu produto BigTainer (un equipo que compacta até 20 metros cúbicos de residuos sólidos, reducindo así o número de descargas), centrouse nun comezo a dez puntos de recollida na cidade. O seguinte paso foi dar cunha solución integral para toda a urbe, un espazo de case 2 millóns de persoas e cunha taxa diaria de refugallos duns 2,2 quilos por cidadán, cifra que duplica á taxa española.
A día de hoxe, a firma galega instalou xa 51 dos 97 colectores Big Tainer contratados. Estes recipientes inclúen unha caixa compactadora de residuos soterrada, unha plataforma de elevación e máis un sistema glogal de comunicacións mediante o que cada autocompactador envía un sinal á central de información con datos en tempo real como a carga depositada, o estado de funcionamento e a data e hora da última recollida. Este sinal derívase a cada camión para optimizar así as rutas. Por outra banda, engade Tecnópole, todos os colectores incorporan tecnoloxía de identificación de usuarios. Asemade, cómpre sinalar que a adxudicataria do servizo do lixo en Abu Dhabi encargoulle á empresa galega unha serie de melloras a engadir sobre o colector de serie, que incluirían conexións para a recarga de coches eléctricos, Wi-Fi, cámaras de seguridade, displays e espazos publicitarios.

PUBLICIDADE