Tan só un 3,6 por cento dos galegos contratan a banda ancha pese a estar a disposición de máis do 80 por cento
luns, 4 de xuño do 2007
A día de hoxe, practicamente ninguén dubida da importancia que ten Internet e as novas tecnoloxías na nosa vida económica e social. A competitividade dun país depende moito da alfabetización dixital do mesmo e en Galicia, a fenda dixital que estamos a sufrir dende os últimos anos, pásanos factura cada pouco sobre todo no tocante á incorporación das TIC nas empresas.
Este estancamento débese (en gran medida) á inexistencia de boas conexións e case todo o territorio xa que “aínda que a banda ancha chega xa ó 80 por cento dos galegos”, (segundo datos manexados pola Administración), “tan só un 3,6 por cento a contratan”.
E é que, ó igual que sucede coa Televisión Dixital Terrestre, que conta con acceso para a maior parte dos cidadáns pero con enormes zonas escuras nas franxas territoriais con menos densidade, as posibilidades de conexión a Internet de alta velocidade no medio rural galego son aínda moi escasas nas dúas terceiras partes do país.
Ata o de agora, o plan de extensión da banda ancha, con fondos estatais e europeos, destinado a cubrir a maior parte do territorio, completou case un terzo dos seus obxectivos, aínda que o compromiso de Telefónica (operadora encargada de ofrecer o servizo na nosa Comunidade) é acurtar o prazo de despregue a un ano, de xeito que para o vindeiro decembro, a práctica totalidade do territorio dispoña de acceso á alta velocidade; para aquel entón, o plan de extensión de banda ancha terá cubertos 3.063 núcleos de poboación que carecían do servizo antes da posta en marcha do proxecto.
Pese a isto, as expectativas que Telefónica baralla non son nada favorables para a superación da fenda dixital no noso país pois segundo datos da operadora, “das novas 84.087 liñas de banda ancha postas en marcha en Galicia ó abrigo deste plan, unicamente foron contratadas 3.150”, é dicir, un 3,6 por cento, un dato especialmente negativo que non supera nin a media de contratación no resto de España onde se aplica o programa, que actualmente sitúase no 5,4 por cento.
Os analistas consideran que a principal causa desta escasa contratación é o envellecemento da poboación nas zonas onde se está ampliando o servizo e de feito, a poboación máis nova, que é a que máis tira desta demanda ten unha presenza minoritaria (cando non inexistente) nestas zonas de nova cobertura.
