TVE-HD emite o seu primeiro concerto en 3D en aberto

luns, 1 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Actualmente a tecnoloxía 3D está moi presente no cine, pero no ámbito doméstico atopa na falta de contidos un dos principais atrancos para a súa popularización, posto que non parece xustificable realizar un importante investimento económico se logo non hai películas, series de televisión, videoxogos ou eventos en directo que poidan gozarse con visión estereoscópica, e para avanzar neste eido TVE realizou esta mañá a primeira retransmisión 3D en aberto a nivel estatal a través da canle TVE-HD cun concerto da formación de rap Violadores del Verso.
A retransmisión emprega o formato side-by-side, de xeito que nos televisores ordinarios verase a pantalla dividida en dúas imaxes en paralelo, dirixida unha a cada ollo, pero que en equipos adaptados convértese nunha imaxe en 3D que somerxe ao espectador no concerto rodado hai unhas semanas e que serve agora como experiencia piloto.
Para a realización desta retransmisión TVE colaborou coa Corporación Aragonesa de Radio e Televisión (CARTV), encargada da gravación do concerto, e durante a súa emisión advertiuse de que só era posible percibir as 3D cun televisor axeitado.
En plataformas de televisión de pagamento as 3D están a terse en conta na súa oferta actual, para achegar un valor engadido fronte a plataformas en aberto, resultando aínda unha incógnita de que as canles tradicionais apostarán polas 3D no futuro, aínda que sexa só para retransmisións deportivas ou películas estreadas en 3D en salas comerciais.

Imaxe que pretende simular a sensación 3D do concerto emitido por TVE-HD

PUBLICIDADE