THQ comercializará unha tableta gráfica para a Wii

mércores, 18 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Aínda que a meirande parte de accesorios para a Wii veñan sempre da man de Nintendo, durante a Gamescom deste ano THQ sorprendeu anunciando un novo título que ten en desenvolvemento, uDraw Studio, que sairá a finais de ano nos EE.UU. (a comezos de 2011 en Europa) e que virá acompañado cun periférico chamado uDraw GameTablet e que vén a ser unha tableta gráfica como as que utilizan os ordenadores persoais e que facilitará dende a realización de debuxos ata o uso de xogos cun control que poderiamos comparar ao das pantallas táctiles.
O uDraw GameTablet mide 22,86 x 15,24 centímetros e permite a conexión do mando da Wii nun lateral, á vez que tamén conta cun par de botóns, opcións de movemento e un lapis sensible á presión. Inicialmente utilizarase co mencionado uDraw Studio, unha ferramenta de debuxo para rapaces de entre 6 e 12 anos, aínda que será posible adquirir de xeito independente máis títulos coma o coñecido Pictionary e Dood’s Big Adventure, xogo no que o noso heroe personalizado deberá percorrer 60 niveis controlado polos nosos xestos na nova tableta da Wii.
O prezo do paquete inicial de uDraw nos EE.UU. será duns 70 dólares, mentres que os xogos para o novo periférico custarán 29,99 dólares cada un.


Vídeo promocional do uDraw GameTablet

PUBLICIDADE