Syncere bota man da mitoloxía hindú para o videoxogo Mahabharata

mércores, 7 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Syncere Arts estalle a achegar aire fresco ó mundo dos videoxogos, abríndoos a todo tipo de contidos cos que nin sequera soñan os que só entran en materia coa violencia a esgalla, os atropelos e as trompadas no patio do colexio. En definitiva: que o eido dos videoxogos está a beber de moitas fontes e semella que mesmo lle valen aquelas das que só se fala arredor do lume e bisbando con moito misterio. Como as que serven de alicerce á aventura Mahabharata: The Dawn of Kaliyuga, que é un videoxogo de aventuras da devandita casa canadense e que se inspira directamente na mitoloxía hindú, concretamente na que está considerada unha das súas grandes epopeas relixiosas e filosóficas.
Neste videoxogo, no que usuario tense que meter na pel do príncipe Arjuna, pódese rastrexar unha intención da industria de facerlle as beiras ó mercado da India, que debe ser algo así como o mercado de Occidente para os chineses: unha prioridade de grandes posibilidades. O xogo podería estar no mercado europeo o ano que vén, e a expectación que está a xerar xa entre os internautas e seareiros das consolas é tal que ós servidores de Syncere Arts pouco lles faltaba para botar fume e faíscas, este mércores 7 polo serán. O xogo estará dispoñible en PC, aínda a firma responsable tamén está xa a valorar a posibilidade de facer unha versión para Xbox 360.

PUBLICIDADE