Subscribíndose a streamers de Twitch poden conseguirse 3 meses de Game Pass

mércores, 2 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Até o día 11 de novembro está activa unha curiosa promoción en Twitch que consiste en que ao comprar dúas subscricións novas e/ou subscricións de agasallo na plataforma de streaming recibiranse 3 meses de Game Pass para PC sen cargo adicional, o que facilita o acceso a centos de xogos de alta calidade, entre os que destacan os títulos dos estudios de Microsoft, que están dispoñibles dende o día do lanzamento.
Cómpre salientar que esta promoción só está dispoñible para usuarios que non sexan ou fosen subscritores de Game Pass ou gozasen dalgunha das súas versións de proba.
Resulta bastante curioso que Microsoft e Twitch colaboren nunha promoción dun servizo de xogos, especialmente porque Twitch é propiedade de Amazon, compañía que está a despregar a súa propia plataforma de xogo en streaming (Amazon Luna), polo que poderían considerarse competidores, aínda que Twitch pode considerarse como unha plataforma tan transversal que poida permanecer allea ás rivalidades tradicionais.

PUBLICIDADE