Steam recupera os videoxogos clásicos de Sierra

martes, 30 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A finais dos anos 80 e primeiros dos 90 o xénero das aventuras gráficas estaba moi de moda en ordenadores persoais, e unha das compañías que marcou época, principalmente pola súa condición pioneira foi Sierra, que lonxe de conseguir éxitos como os de LucasArts, si conseguiu establecer franquías de certa reputación que agora están dispoñibles a través de Steam para que os nostálxicos e as novas xeracións de xogadores poidan botarlles un ollo.
Os xogos que veñen de incorporarse ao catálogo de Steam son as compilacións das sagas Police Quest e Quest for Glory, as tres primeiras entregas de Gabriel Knight, Arcanum, os dous primeiros Phantasmagoria e as entregas 3 e 4 de Caesar. Cómpre detallar que todos os xogos veñen con voces e textos en inglés (o que xa no seu día fora unha barreira para o seu éxito en España) e boa parte dos xogos teñen o terror e a violencia como eixes da historia, polo que non serían recomendables para menores de idade.

As 5 entregas de Quest for Glory pódense mercar en conxunto en Steam por 9,99 euros

PUBLICIDADE