Steam permitirá xogar en liña aos títulos que teñan multixogador local

martes, 22 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Steam, a tenda de videoxogos de Valve, revoluciona o xeito de entender o xogo en liña grazas a unha nova funcionalidade en probas, Remote Play Together, que permite convidar aos amigos de Steam a unirse a unha partida cooperativa local, multixogador local e pantalla compartida ou dividida a través da Internet, soportando até 4 xogadores (ou incluso máis en condicións ideais) que poderán xuntarse ao momento para gozar dunha sesión de xogo conxunta na que o único que precisará ter o xogo en propiedade é o usuario anfitrión.
Temos así que os típicos xogos que podiamos compartir cos amigos de xeito presencial poden agora compartirse de xeito remoto, ampliando de xeito considerable o número de xogos que permite o xogo en liña (xa que esta prestación é compatible con xogos que non se deseñaron para xogar a través da Internet).
O anfitrión só compartirá co resto de xogadores o xogo en si (o resto do escritorio e documentos que se teñan no equipo estarán libres de miradas alleas), de xeito que o usuario pode controlar en todo momento o nivel de acceso que dá ao resto de usuarios.
Neste momento está aberta a beta de Remote Play Together, de xeito que calquera usuario que o desexe pode participar deste modo de xogo en liña que xa é compatible con máis de catro mil títulos.

PUBLICIDADE