Steam adapta o seu cliente ás lentes de realidade virtual

martes, 14 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O sistema lentes de realidade virtual en fase de probas Oculus Rift continúa a expandirse antes do seu lanzamento comercial (para o que aínda faltan bastantes meses) e para contribuír á súa adopción no mundo dos videoxogos conta co apoio de Valve, compañía que vén de adaptar o seu cliente da plataforma de xogos descargables Steam para que funcione nun modo especial de realidade virtual. Con esta nova opción os usuarios de Steam que conten cun prototipo de Oculus Rift poderán gozar do modo Big Picture como se estivesen diante dunha pantalla xigante flotando en fronte deles, á vez que reacciona aos movementos da cabeza.
Espérase que durante os Steam Dev Days (evento que terá lugar en Seatle durante os vindeiros mércores e xoves) presenten un prototipo do hardware de realidade virtual que poida ser asumible para o mercado de consumo nun par de anos, de aí que sexa crucial que os desenvolvedores comecen a traballar para facer que a realidade virtual baseada en solucións deste tipo poida contar con software. Dende Steam están a instar a facer tal, polo que dende hai unhas semanas contan cunha categoría no seu catálogo de xogos na que destacan os xogos compatibles con realidade virtual, que ten xa 14 títulos.

Con Oculus Rift, aparte de conseguir unha recreación estereoscópica, tamén faise un seguimento dos movementos da cabeza, conseguindo unha experiencia moi realista

PUBLICIDADE