Stallman prosegue o seu itinerario de charlas pola nosa terra esta tarde na FIC

mércores, 11 de decembro do 2013 Redacción

Richard Stallman prosegue este mércores ás 16.00 horas a súa xira de relatorios pola nosa terra. Se onte falabamos da súa intervención en Vigo, hoxe é a quenda dunha nova cita no salón de actos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, a partir da devandita hora. Segundo informan fontes da FIC, Stallman fará un percorrido, na súa intervención, polos desafíos da comunidade de usuarios e desenvolvedores de software libre (que el en boa medida representa, sendo para moitos a súa faciana máis visíbel e mediática) na defensa das liberdades básicas no que atinxe a uso e acceso do coñecemento. A charla, que se insire nos actos de conmemoración do trinta aniversario do movemento do open source (fonte aberta) desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: O software libre na ética e na práctica.
Richard Stallman, como lembraremos, é presidente da Free Software Foundation. En 1983 contribuíu a pór en marcha o movemento do software libre e máis o o desenvolvemento do sistema operativo GNU. O relator recibiu entre outros recoñecementos o premio Grace Hopper da ACM (ACM Grace Hopper Award), unha bolsa da Fundación MacArthur, o premio Pioneiro da Fundación Fronteira Electrónica, e o Premio Takeda pola Mellora Social/Económica, así como tamén varios doutorados honoris causa, e ten ingresado no Salón da Fama de Internet.
A asistencia a esta charla está aberta ao público en xeral e é de carácter totalmente gratuíto. Para facilitar a organización do evento agradécese o rexistro na charla.

PUBLICIDADE