Square Enix prepara un remake de Secret of Mana

venres, 25 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O clásico xogo de rol xaponés Secret of Mana de 1993, que narra as aventuras de Randi, Primm e Popoi na súa batalla contra un traizoeiro imperio para restablecer o equilibro no mundo, foi todo un referente no catálogo da hoxe tan de actualidade Super Nintendo, e agora Square Enix aleda o día aos seareiros do xénero, xa que anuncian o seu remake para PlayStation 4, PlayStation Vita e PC (Steam), que comercializarase en formato dixital a partires do vindeiro 15 de febreiro e que xa está dispoñible en compra anticipada para PS4 e PC (Steam), recompensándose a adquisición temperá con contidos descargables adicionais (un traxe de moguri, un bikini de tigre, un disfrace de tigre en todas as versións, avatares de PSN dos 3 protagonistas na versión de PS4 e un fondo de pantalla descargable na versión para PC).
Esta revisión de Secret of Mana, ao funcionar en máquinas modernas, optou por unhas imaxes renovadas en todo o xogo (ao estar o mundo de Mana reconstruído en 3D) e incluso a xogabilidade actualizouse, perfeccionando as mecánicas orixinais para ofrecer unha experiencia de xogo de rol e acción moderno.
Secret of Mana non só experimentou unha renovación visual, senón que tamén sorprende o feito de que agora os personaxes terán voz e a banda sonora conta con novos arranxos, e tamén será posible gozar da aventura xunto con outros dous xogadores máis a través do multixogador local.
O xogo en formato descargable terá un prezo de 39,99 euros, aínda que tamén haberá unha edición limitada en formato físico que semella ser todo un obxecto de colección, pero que polo momento só ten confirmada a súa comercialización no Xapón.

No Xapón o xogo terá unha edición física moi completa

PUBLICIDADE