Sprint investirá 5.000 millóns de dólares en montar unha rede WiMAX nos EE.UU. baixo a marca XOHM

venres, 17 de agosto do 2007 Marcus Fernández

A banda larga móbil é un dos principais obxectivos da operadora norteamericana Sprint, que vai espallar unha rede WiMAX nos EE.UU. e vén de anunciar este servizo baixo a marca XOHM, que comezaría a funcionar na primavera de 2008 e permitiría nun principio velocidades de acceso á Rede duns 2 Mbps, aínda que non deron detalles do prezo que terán as conexións con esta tecnoloxía.
Nun principio dende Sprint xa falaron con Nokia para que preparen unha versión do seu Nokia N800 para que conecte con tecnoloxía WiMAX en vez da actual conectividade Wi-Fi que ten o dispositivo, pero non queren parar aí, de xeito que xa confirmaron que están en conversas con Intel para que os ordenadores comecen a integrar WiMAX de serie, de xeito que se agardan que esta tecnoloxía se converta nun estándar en 2010 coma hoxe o é o Wi-Fi, de xeito que dende Sprint estiman que as conexións serán máis habituais dende equipos con WiMAX integrado que con outros que empreguen adaptadores de rede externos.
A operadora norteamericana fará un forte investimento para establecer unha infraestrutura que faga realidade o WiMAX nas cidades norteamericanas, agardando gastar uns 5.000 millóns de dólares de aquí a finais de 2010 (a metade deste investimento chegaría antes de rematar 2008), o que é indica o interese que teñen por esta tecnoloxía que coidan que se converta en todo un éxito, xa que serviría para levar o acceso á Rede tanto a ordenadores como a móbil, consolas de videoxogos e mesmo cámaras dixitais.
O público potencial para esta nova rede sen fíos sería de 125 millóns de persoas en 2010, e de acadar o éxito previsto podería chegar a producir beneficios netos operativos xa en 2011, o que depende en boa medida da integración desta tecnoloxía nos dispositivos electrónicos.
O WiMAX xa se coñece popularmente como a tecnoloxía móbil de cuarta xeración (4G) e en países coma Corea do Sur xa goza de éxito (aínda que en tal país teñen a súa propia variante, WiBro) pero en Europa aínda non se sabe de apostas tan ambiciosas como a que está a facer Sprint Nextel nos EE.UU.

PUBLICIDADE