Spotify ábrese a calquera podcast

venres, 5 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Dentro da liña aperturista de Spotify, na que a plataforma aposta pola desmediación, non se están a limitar a permitir que os artistas independentes poidan publicar a súa música directamente sen ter que recorrer a algunha editora (tradicional ou dixital), senón que tamén están a facer o mesmo con formatos como o podcasting, de xeito que xa non será preciso que un podcast pertenza a unha rede como Cuonda ou Emilcar FM para estar dispoñible dende a aplicación de Spotify.
Para facer iso posible estrean a beta de Spotify for Podcasters, unha plataforma que permite a calquera podcasteiro que hospede o seu produto en calquera plataforma, a posibilidade de remitir os seus contidos a Spotify para que os achegue aos seus máis de 180 millóns de usuarios. Os podcasts incorporados a Spotify non se reproducen dende a súa fonte orixinal, senón que Spotify copia cos contidos aos seus servidores, o que garante unha boa reprodución e pode supor tamén un importante aforro para os podcasts que empregan unha hospedaxe de pagamento, á vez que facilita estatísticas diarias de reprodución, o que facilita coñecer mellor á audiencia con información como a súa localización, a súa fidelidade e certa información demográfica.
Aínda que polo momento non é moi habitual escoitar podcast en Spotify, pode converterse nunha plataforma de reprodución moi relevante en poucos meses, por facilitar o descubrimento e a reprodución de contidos dende unha aplicación que moitos usuarios xa empregan a diario e coa que están máis que familiarizados (en contra do que acontece co resto de podcatchers).

PUBLICIDADE