Spider-Man volve simultaneamente ó cine e ós videoxogos

mércores, 2 de maio do 2007 Marcus Fernández

O vindeiro venres coinciden no tempo as estreas da película e o videoxogo Spider-Man 3, que é unha das grandes apostas do ano, agardándose que a estrea cinematográfica lle dea un importante pulo ó videoxogo (que xa acadara un importante éxito nas entregas anteriores que sumaran unhas vendas duns 300 millóns de dólares) que serve así de expoñente de cómo os videoxogos van quitando terreo ó mundo do cine e o DVD, converténdose nos reis absolutos do lecer electrónico.
Ante este panorama, Activision realizou un importantísimo investimento no novo xogo, que presentará a un Spider-Man moi completo, que se desenvolverá por unha grande cidade con movementos moi complexos e abraiando ós xogadores con escenas cinemáticas interactivas (cineractives) que fan que os combates contra viláns coma o Home de Area, o Rinoceronte ou o Escorpión fuxan de meros movementos pregravados e teña un acabado semellante ó dos vídeos de presentación de xogos anteriores.
Ademais, o xogo non se limitará ó arco argumental da película, senón que incorporará máis personaxes de xeito que tanto podemos seguir as aventuras da pantalla grande como abrirnos a un mundo máis diverso (baseado nas aventuras en papel do home-araña).
Agárdase así que o xogo sexa un dos éxitos en vendas de 2007, tanto por méritos propios como pola inercia creada por unha das estreas cinematográficas máis fortes do ano.

PUBLICIDADE