Sony renova a súa cámara compacta full-frame

mércores, 30 de agosto do 2023 Marcus Fernández

A cámara compacta full-frame con obxectivos intercambiables Sony α7C xa ten descendencia, sorprendendo porque Sony non se limitou a lanzar un modelo sucesor, senón dous: a cámara α7C II e a α7CR.
A Sony α7C II está equipada cun sensor de 33 Mpíxeles, ten un corpo moi compacto (12 x 7 x 6 centímetros) e pesa uns 513 gramos, características que o converten nunha boa cámara para a fotografía de rúa e de viaxes; mentres que a Sony α7CR aposta por un sensor de 61 Mpíxeles (o mesmo que a Sony α7R V) mantendo as dimensións e o peso da α7C II, de xeito que teriamos unha cámara máis específica para usos nos que a resolución pode ser máis importante (como a fotografía de paisaxes e de vida salvaxe).
Ambos modelos están equipados coa mesma unidade de procesamento IA e o procesador BIONZ XR da Sony α7R V; os seus enfoques automáticos contan con grande precisión; os corpos integran estabilización de imaxe de 5 eixes; e incluso ofrecen unha calidade de vídeo notable, podendo rexistrar vídeo en 4K a 60 imaxes por segundo en 4:2:2 e 10 bits e contando tamén co sistema S-Cinetone para conseguir vídeos moi atractivos.
Pero esta renovación do sector compacto full-frame de Sony non é totalmente positivo, xa que as novas cámaras chegan a un prezo bastante máis elevado que o modelo anterior (que pode atoparse por debaixo do 1.500 euros). Temos así que en setembro sairá á venda a Sony α7C II a un prezo de 2.400 euros (o corpo) ou 2.700 euros (cun obxectivo de 28-60 mm); mentres que en outubro teremos a Sony α7CR por 3.700 euros (o corpo).

Vídeo promocional da cámara Sony α7CR

PUBLICIDADE