Sony quere potenciar as vendas da PS4 con interesantes promocións

luns, 9 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Unha vez pasada a campaña de Nadal, as vendas de consolas de videoxogos caen considerablemente durante varios meses, e para intentar dinamizar este mercado podemos atopar promocións como a que Sony ofrece até o 22 de febreiro, os PS4 Days, co que animan aos xogadores a dar o salto á PlayStation 4 ofrecendo a súa consola cun xogo ao prezo de 399,99 euros.
Os lotes de consola PlayStation 4 con 500 GB de disco duro ofrecen xogos de grande atractivo como Destiny, Far Cry 4, GTA V, Evolve, FIFA e, a partires do 20 de febreiro, o novo The Order 1886, sendo este último o pack máis atractivo, xa que incluiría o xogo máis prometedor para PS4 da primeira metade do ano sen custo adicional.


Vídeo promocional dos PS4 Days
Pero Sony non quere deixar a promoción aí, senón que durante estes días tamén está a rebaixar o seu servizo de subscrición PlayStation Plus, que aparte de permitir gozar dos xogos en liña de PS4 tamén permite que os seus usuarios poidan incorporar á súa biblioteca de xogos unha selección de títulos en formato descargable que se renovan mensualmente. Deste xeito, até o 31 de marzo PS Plus ofrecerá subscricións de 3 meses que, en vez de custar os 14,99 euros habituais, están dispoñibles por só 9,99 euros, o que é unha boa oportunidade para comprobar se nos interesa contratar este servizo a máis longo prazo (o máis recomendable é habitualmente a subscrición anual, por poder conseguirse a prezos bastante axustados).

PUBLICIDADE