Sony prepara unha cámara profesional para drons

martes, 5 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Tras o éxito das cámaras Sony Alpha a compañía nipoa saca unha variante para aplicacións industriais, a Sony ILX-LR1, que vén a ser unha cámara full frame de 61 Mpíxeles con obxectivos intercambiables con montura en E que pode controlarse remotamente (contando incluso cun SDK para facer aplicacións específicas para iso), de aí que poida prescindir de elementos como o monitor LCD, o visor, a batería, a empuñadura e a zapata, conseguindo así un tamaño moi compacto (100 x 74 x 42,5 milímetros) e un peso moi lixeiro (243 gramos) de xeito que pode equiparse de xeito doado en moitos drons.
Esta nova cámara é capaz de gravar vídeo 4K até a 59,94 imaxes por segundo e disparar até 3 imaxes por segundo (velocidade de disparo adecuada para a realización de cartografía con drons). Deste xeito Sony consegue atender a un ámbito profesional máis coa tecnoloxía de cámaras de desenvolveu nos últimos anos, aínda que cómpre salientar que neste caso non estamos precisamente ante un produto económico, xa que está previsto que a Sony ILX-LR1 chegue ao mercado en decembro a un prezo que nos EE.UU. será de 2.950 dólares.

A cámara pode equiparse con diversos obxectivos con montura en E

PUBLICIDADE