Sony podería estar a traballar nunha PlayStation portátil baseada no xogo remoto

mércores, 5 de abril do 2023 Marcus Fernández

O mercado das consolas de videoxogos portátiles está bastante enrarecido, xa que actualmente a única consola pura sería a Nintendo Switch, mentres que a Steam Deck sería un ordenador cun formato compacto e o resto de propostas que están a xurdín son tabletas que apostan polo xogo na nube, resultando bastante curiosa a información que publican en Insider Gaming, onde aseguran que Sony estaría a traballar nunha nova consola portátil con matices.
A futura consola portátil PlayStation estaría a desenvolverse baixo o nome de Q Lite e, en vez de ser unha consola completa ou apostar pola nube, estaría destinada a usuarios da PlayStation 5, xa que tiraría da función de Xogo Remoto da PS5.
O trebello na súa fase de prototipo pareceríase a un mando de PS5, pero cunha pantalla táctil de 8 polgadas no centro, prometendo gráficos até 1080p a 60 imaxes por segundo.
Queda por ver se estamos ante un produto que chegará a ver a luz, pois resulta bastante difícil de xustificar un dispositivo para un propósito tan concreto cando o xogo remoto é posible practicamente dende calquera smartphone ou tableta.

PUBLICIDADE