Sony nega que vaia deixar de vender DVD en España

luns, 5 de abril do 2010 Marcus Fernández

A polémica saltou a semana pasada á portada de La Razón

A pasada semana Los Angeles Times publicou un artigo no que daban a entender que Sony Pictures Entertainment deixaría de vender películas en DVD en España, chegando incluso á portada do diario La Razón, aínda que finalmente dende Sony desmentiron tal información.
A cousa non rematou aí, senón que algúns medios aventuráronse a dar a entender que a nova publicada en EE.UU. estaba teledirixida dende España, incluíndo información sen citar fontes ou imposible de contrastar, o que buscaría dar argumentos para a aprobación das medidas anti-descargas da Lei de Economía Sustentable.
Se ben non hai dúbidas en que a copia privada de películas é moi habitual en España, resulta moi dubidoso que o noso mercado deixe de ser rendible, pois pese ao que manifestan algunhas fontes do sector, estamos moi lonxe de ser líderes a nivel mundial do que dan en chamar piratería, e tampouco hai que esquecer que están a cambiar os hábitos de consumo, resultando paradoxal que durante 2009 as salas cinematográficas rexistrasen as mellores recadacións da súa historia á vez que os videoclubs pechan a grande velocidade (e as propias salas de exhibición tenden a concentrarse en multi-salas). De feito, algúns estudos presentan á venda de DVD coma un dos factores que máis afectaron á caída de alugueiros, e a propia caída de prezos das películas podería estar a reducir o volume de negocio de xeito considerable (nos últimos 10 anos os prezos caeron entre o 50 e o 75%), así como ás consecuencias da guerra de formatos (HD DVD vs Blu-ray) que deixou ao DVD sen un herdeiro consolidado, de xeito que moitos consumidores non ven claro que pague a pena apostar polos novos formatos, o que tamén retrae o consumo. En definitiva: moitos factores a analizar que van moito máis aló das descargas a través da Internet.

PUBLICIDADE