Sony merca Gaikai por 380 millóns de dólares

luns, 2 de xullo do 2012 Marcus Fernández

David Perry, creador de videoxogos como Earthworm Jim e MDK, é o co fundador de Gaikai

Durante pasada edición do Google I/O demostrouse a integración do servizo de streaming de videoxogos Gaikai no cliente nativo (NaCL) de Chrome, o que permitiría poder xogar directamente dende o navegador de Google sen ter que utilizar Java, chegando a velocidades de 60 imaxes por segundo, o que amosaron no evento correndo o xogo Bulletstorm a través dun Samsung Chromebox, o que xa parecía unha grande nova en si mesma, pero que vén de ser eclipsada pola adquisición de Gaikai por parte de Sony Computer Entertainment por uns 380 millóns de dólares, o que permitirá a Sony ofrecer novos servizos na nube.
Dende Gaikai era posible que dende un ordenador sen grandes capacidades gráficas ou mesmo dende un televisor intelixente fose posible executar remotamente un videoxogo, que chegaría ás nosas pantallas mediante streaming, o que algúns consideran que pode ser o futuro dos videoxogos e a morte das consolas tradicionais, pois non precisaría dunha constante actualización do hardware doméstico, senón que serían os servidores os que terían que pórse ao día para achegar unha cada vez mellor experiencia de xogo.
No caso de Sony tense rumoreado a posibilidade de que a compañía nipona empregue esta tecnoloxía para permitir que os usuarios das súas consolas poidan utilizar xogos do seu catálogo que non son compatibles coas consolas actuais, ou sexa, que recuperaría os clásicos da primeira PlayStation e da PlayStation 2 na PS3, mantendo así unha plataforma moi interesante a longo prazo, fronte ao actual modelo de remasterizacións dos vellos xogos para poder levalos a cada xeración de consolas.

Gaikai leva os videoxogos en streaming a múltiples plataformas entre as que non faltan os televisores intelixentes


Demostración de Gaikai baixo NaCL durante o Google I/O

PUBLICIDADE