Sony levará os xogos clásicos de PlayStation a dispositivos con Android 2.3

xoves, 27 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Sony Computer Entertainment (SCE) decidiu non pór todos os ovos na mesma cesta, e a súa aposta polos videoxogos portátiles non estarán centrada exclusivamente na súa nova consola portátil (NGP), senón que tamén terán en conta aos móbiles, que nos últimos anos foron gañando moito peso como plataforma de xogos, de aí que anuncien a nova PlayStation Suite, un servizo que levará a experiencia da PlayStation aos dispositivos baseados en Android, coma móbiles e tablets.
Esta nova aposta da compañía nipona non só servirá para incrementar o seu público potencial, senón que tamén abrirán esta plataforma ao editores e desenvolvedores de xogos alleos a Sony, á vez que iniciarán un programa de licenciamento de hardware de xeito que os dispositivos axeitados para gozar dos seus xogos contarán con selo PlayStation Certified.
Inicialmente a PlayStation Suite servirá para que os dispositivos con Android 2.3 ou superior poidan acceder ao catálogo de xogos da PlayStation orixinal, polo que SCE pensa abrir a PlayStation Store para facilitar a compra de contidos descargables dende os dispositivos con Android.

PUBLICIDADE