Sony inicia no Xapón a retirada da PlayStation TV

luns, 29 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Algúns produtos, pese a ser conceptos interesantes, non sempre conseguen chegar ao público como se prevé, por resultar bastante complicado transmitir as súas vantaxes ao público, como parece ser o caso da PlayStation TV, un pequeno accesorio que podería definirse como unha PlayStation Vita sen pantalla e conectable a un televisor, que saíu á venda por 99,99 euros e permitía tanto xogar a títulos de PS Vita, PSP, PSOne e PlayStation Minis, como facer uso remoto dunha PlayStation 4 (por exemplo, para continuar as partidas da consola do salón dende o dormitorio), e que non pareceu funcionar ben en vendas, o que levou a que rapidamente caese o seu prezo até os 59,99 euros, o que incrementaba o seu atractivo como produto, pero que non parece ter sido dabondo se atendemos ao feito de que Sony está a retirar o produto no Xapón.
A cancelación da PlayStation TV como produto está a ser silenciosa, algo semellante ao que acontece tamén coa PlayStation Vita, aínda que a consola portátil de Sony continúa a venderse con normalidade, pero non gozará de ningún xogo desenvolvido por Sony no futuro, de xeito que só pode esperarse que para a mesma saian unhas poucas novidades de desenvolvedores independentes.
Cómpre recoñecer que a PlayStation TV resultou un tanto decepcionante para moitos dos seus compradores, que atopaban que non todo o catálogo de xogos de PS Vita funcionaban nesta nova consola, á vez que tamén carecía oficialmente de aplicacións como a de Netflix (eiva que de terse superado podería ser un incentivo para facerse co trebello); pero o que si resulta evidente é que o público afíxose a consolas de grande potencia, polo que resulta complicado vender máquinas que non cobren as expectativas dos xogadores (que polo prezo inicial vían unha consola completa, e non un simple accesorio da consola principal).

PUBLICIDADE