Sony confirma a morte da PSPgo

mércores, 20 de abril do 2011 Marcus Fernández

Cando Sony decidiu lanzar a PSPgo, unha PSP sen unidade UMD orientada aos xogos descargables, non contou con factores como as reticencias das tendas ou a resistencia por parte dos usuarios a adoptar unha consola portátil que só contaba co atractivo de ser máis doada de transportar. O público tiña a percepción de que a PSPgo era unha PSP capada que, ademais, tiña un prezo de venda máis elevado, que sumado ao feito de que xa se anunciou o desenvolvemento da NGP (nome provisorio da consola que sucederá á PSP) tivo unha consecuencia evidente: Sony confirmou o cesamento da produción da PSPgo.
A PSPgo continuará nas tendas ata rematar as súas existencias, e o seu soporte manterase durante bastante tempo, aínda que con este anuncio Sony só está a certificar unha morte dun produto que non conseguiu facerse o oco no mercado. Mentres, a PSP-3000, en espera da NGP, reduciu o seu prezo en España a 129,99 euros, o que pode contribuír a manter unhas moderadas vendas dunha consola que están a chegar á fin do seu ciclo de vida.

PUBLICIDADE