Sony apostou polo seguro na súa conferencia do E3

martes, 12 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Na madrugada entre o luns e o martes Sony celebrou a súa conferencia da feira E3, destinando pouco máis dunha hora a amosar os futuros xogos que chegarán a PlayStation 4, sen saírse apenas do guión anunciado previamente e dando moi poucos detalles sobre as datas de lanzamento de xogos que xa levaban tempo anunciados, para decepción de moitos seareiros que, pese a estar satisfeitos cos adiantos en vídeo dos xogos, esperaban algunha sorpresa e, cando menos, saber o ano no que verán a luz moitos dos produtos amosados.

The Last of Us Part II

Un dos detalles máis agradecidos polo público foi poder gozar dun extenso gameplay do agardado The Last of Us Part II, impresionante título de Naughty Dog que continúa a historia dun dos xogos máis memorables de toda a historia de PlayStation (e posiblemente do mundo dos videoxogos), ofrecendo secuencias moi crúas que deixan ver que estaremos ante un contorno moi hostil no que Ellie terá que defenderse. A protagonista conta nesta ocasión xa con 19 anos de idade, polo que non sería unha moza que precisa protección, de xeito que tomará un rol máis activo, embarcándose nunha violenta aventura de vinganza. O sixilo volverá a ser fundamental na acción, e o xogo evoluciona en varias mecánicas, de xeito que non só teremos unha mellora gráfica, senón tamén xogable.

Ghost of Tsushima

Outro xogo sobre o que o público quería saber máis era Ghost of Tsushima, unha épica aventura samurai nun mundo aberto situado na invasión mongola de Xapón en 1274. Aínda que o xogo xa contara cun tráiler de presentación, o E3 foi a primeira ocasión na que puido verse este novo mundo e a súa historia, amosando a brutalidade dos combates con katana que caracterizan a Jin Sakai, o samurai protagonista.

Spider-Man

Un dos poucos xogos con data de lanzamento vistos na conferencia de Sony foi o de Spider-Man, título desenvolvido por Insomniac que está previsto para o 7 de setembro, e do que non só puidemos ver bastante xogabilidade, sen´no tamén confirmar a presenza dos malvados Rhino, Escorpión, Electro, Voitre, Mister Negative e o Conmocionador (Shocker), que traballarán con outro malvado que aínda non se desvelou.

Death Stranding

O xogo que continúa a ser bastante misterioso, pese aos moitos minutos que se amosaron, é Death Strading, a nova creación de Hideo Kojima que leva 2 anos causando expectación, pero do que aínda non sabemos se haberá que esperar meses ou anos para que chegue ao mercado. O que si se vai coñecendo é o cadro de actores que serven de referencia para os seus protagonistas, partindo de Norman Reedus (coñecido por The Walking Dead) e Mads Mikkelsen (Hannibal) a quen se unen dúas mulleres: Léa Seydoux (La vida de Adéle) e Lindsay Wagner (A Muller Biónica). Sen dúbida será unha produción diferente a todo o que vimos até o momento.

Resident Evil 2

E o xogo que puido verse por primeira vez, dos poucos que será pronto o seu lanzamento, non foi outro que Resident Evil II, un remake dun clásico de Capcom, que verá a luz o 25 de xaneiro de 2019 e permitirá volver a Raccoon City cuns gráficos que pouco teñen que ver co xogo orixinal de 1998, moi recordado polos xogadores da primeira PlayStation. Curiosamente o motor gráfico de Resident Evil 7 está a empregarse para este novo Resident Evil 2, o que permite que o nivel de detalle dos elementos en pantalla sexa espectacular, transmitindo moitas sensacións nun título que simplemente inspírase no orixinal ao coller historia e numerosos elementos, pero construíndose como un xogo moderno, con mecánicas renovadas e xiros novos, que farán que tanto veteranos como novatos poidan gozar da súa proposta de supervivencia.

O contraste gráfico entre o Resident Evil 2 de 1998 e o de 2019 é notable

PUBLICIDADE