Sony adianta novidades para PS4 mentres a consola supera os 60 millóns de unidades vendidas

martes, 13 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A pasada madrugada Sony celebrou a súa conferencia no marco do E3, nun evento no que non había grandes primicias, xa que boa parte dos pratos fortes eran títulos xa anunciados ou multi-plataforma, pero a PlayStation 4 non precisaba máis, xa que ten confirmada a súa posición de dominio no mercado e, de feito, veñen de confirmar que xa se venderon 60,4 millóns de PS4 a nivel mundial, aínda que pode resultar aínda máis impresionante saber que o número de xogos vendidos superaron xa os 487,8 millóns de copias.

Uncharted

Pero a falta de grandes novidades non fai que a conferencia fose especialmente frouxa, xa que os vídeos que alí se presentaron foron máis que sólidos, axudando a que os xogadores se fixeron unha boa idea do que a consola de Sony vai recibir durante o vindeiro ano. Por exemplo, adiantáronse detalles da historia de Uncharted: El Legado Perdido, expansión de Uncharted 4 que por primeira vez na historia da saga non está protagonizada por Nathan Drake, senón por Chloe Frazer. Nesta ocasión só haberá que agardar ao 23 de agosto para poder gozar deste xogo.


Days Gone

Outro xogo ao que dedicaron moita atención foi Days Gone, título de mundo aberto, supervivencia e mortos viventes, que leva xa moitos meses facendo ruído (de feito, xa deron bastantes detalles do título o ano pasado), pero do que aínda non adiantaron unha data de lanzamento. Ao estarmos ante unha exclusividade da consola de Sony resulta innegable que se poña tanto acento nesta produción.


Shadow of the Colossus

O que si resultou abraiante foi o anuncio dunha nova versión de Shadow of the Colossus para PlayStation 4, especialmente polo seu acabado gráfico, que dá a impresión de ser un remake en vez dunha simple remasterización, como aconteceu cando este título de PS2 se adaptou a PS3. Non se deron detalles do xogo, pero nun principio parece que verémolo nas tendas ao longo de 2018, para fortuna dos amantes dos xogos de Fumito Ueda (como The Last Guardian).


God of War

Esta edición do E3 tamén serviu para dar conta de que o vindeiro xogo de God of War, agora ambientado na mitoloxía nórdica (en vez da grega) sairá á venda a primeiros de 2018, amosando tamén novas imaxes deste hack and slash que promete ser graficamente impresionante e cun ritmo semellante ao das anteriores entregas, aínda que o feito de que agora Kratos apareza acompañado polo seu fillo Atreus suporá un cambio narrativo e xogable que mudará profundamente a franquía, de aí que resulte difícil saber se manterá o pulo da triloxía orixinal.


Spider-Man

A conferencia de Sony tamén serviu para deixar ver outro xogo que verá a luz durante 2018, pero que ao ser exclusivo de PS4 supón un importante punto para Sony. Falamos de Spider-Man, xogo que está a desenvolver Insomniac, e que tivo a prudencia de non vencellarse á estrea do novo filme do personaxe de Marvel, de xeito que buscará ser un título con entidade propia no que veremos combates e acción acrobática que lucirá espectacular grazas á potencia das consolas actuais.

PUBLICIDADE