Sony Pictures Core chega a PS4 e PS5

xoves, 5 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Tras a reformulación de PlayStation Plus os usuarios contan con 3 modalidades de pagamento, destacando a máis cara de todas por incluír a maiores un catálogo de xogos clásicos, a posibilidade de probar unha serie de xogos e a transmisión en streaming na nube de xogos, aos que agora vai engadirse un catálogo seleccionado de até un cento de películas que poderán reproducirse baixo demanda a través de Sony Pictures Core. Entre os títulos incluídos inicialmente están Looper, Kingslaive: Final Fantasy XV, Elysium e Resident Evil: La Mardición.
Sony Pictures Core chega a PlayStation 4 e PlayStation 5 como unha aplicación que pode descargarse de balde e que dá acceso a unha ampla variedade de películas recentes e clásicas de Sony Pictures mediante a súa compra ou aluguer, cun catálogo dun par de milleiros de producións. Este servizo é realmente un rebranding de Bravia Core, que xa estaba dispoñible en televisores Bravia XR e dispositivos Xperia, pero baixo a nova marca pretende chegar a un público máis amplo.
Temos así unha plataforma audiovisual aberta a calquera usuario de consolas PlayStation, pero que no caso dos subscritores que pagan a tarifa máis cara incluirá parte do catálogo sen cargo adicional, o que engade valor á subscrición e tamén familiaria aos usuarios coa plataforma na que poden animarse a alugar ou mercar filmes no futuro.

PUBLICIDADE