Sonic celebra os seus 25 anos cunha campaña solidaria

martes, 21 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Esta semana celébrase os 25º aniversario do lanzamento do xogo Sonic the Hedgehog, e para conmemorar tal data simbólica dende SEGA tiveron a ben colaborar con Humble Bundle lanzando un lote de xogos do seu ourizo azul cos que recadar fondos para contribuír coas organizacións sen ánimo de lucro Child’s Play Charity, SpecialEffect, UNICEF e WWF.
Esta campaña solidaria protagonizada por Sonic resulta moi atractiva, xa que os usuarios que paguen a partires de 1 dólar poderán facerse coas versións para PC do xogo de Sonic orixinal (na súa versión de Mega Drive), Sonic Adventures DX, Sonic 3D Blast (na súa versión para Mega Drive) e Sonic CD, xogos que poden considerarse auténticos clásicos.
Os que queiran facerse con algúns xogos máis poden optar por pagar máis que a media recibirán o moderno Sonic The Hedgehog 4 – Episode 1, Sonic & SEGA All-Stars Racing, Sonic The Hedgehog 2 (Mega Drive), Sonic Adventure 2 e algún xogo máis que se introducirá no lote a semana que vén. E finalmente, os que paguen a partires de 10 dólares desbloquearán tamén Sonic Lost World, Sonic Generations, Sonic the Hedgehog 4 – Episode 2 e Sonic & All-Stars Racing Transformed.
No momento de escribir estas liñas a cantidade media pagada polos xogadores que están a apoiar este iniciativa solidaria aproxímase moito aos 10 dólares, o que parece ser consecuencia dunha recompensa adicional que chegará para os que acheguen a partires de 35 dólares, e que consiste, xunto cos xogos citados, nunha camiseta exclusiva para celebrar o 25º aniversario de Sonic.

PUBLICIDADE