Son Goku contará con 2 novos títulos para as consolas de nova xeración

venres, 22 de maio do 2009 Marcus Fernández

A Wii contará cun xogo que repasará a infancia de Son Goku

Pese a que a serie de animación de As Bolas Máxicas hai moitos anos que chegou á súa fin, no mundo dos videoxogos resístese a desaparecer, e cada ano seguen a saír títulos de diversa índole inspirados na franquía creada por Akira Toriyama. Agora, case á vez, dan a coñecer dous novos xogos neste universo animado que abarcarán así as 3 consolas da nova xeración.
Dragon Ball World será un título para Wii que narrará as primeiras aventuras dun pequeno Son Goku como xa fixo Dragon Ball Origins na Nintendo DS, o que fará que os seguidores máis fieis da saga estean encantados de rememorar os momentos máis divertidos da serie. Será un xogo de desprazamento lateral que combinará a loita coas plataformas e chegará ao Xapón a finais do presente ano (sen estar anunciada a data de lanzamento para o mercado europeo).

O xogo para Xbox 360 e PS3 será puramente de loita

Dragon Ball: Raging Blast será un título menos sorprendente, pois colle o relevo da saga Burst Limit (ou iso parece) de xeito que teremos un xogo de loita máis para a Xbox 360 e a PlayStation 3, consolas que aínda contan con poucos títulos deste xénero, polo que supomos que a súa acollida será bastante boa. Con respecto ao anterior xogo de loita de Son Goku poderemos agardar a máis personaxes e escenarios, así como unha historia que iría máis aló da saga de Célula.

PUBLICIDADE