Solis Energy presenta routers Wi-Fi que se abastecen de enerxía solar

martes, 28 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

A compañía de Estados Unidos Solis Energy anda estes días atarefada presentando unha tecnoloxía que é quen de subministrar “combustible” a un router Wi-Fi vía un panel que recolle enerxía solar. O desenvolvemento, que non é novo (en Galiza os amigos de AGNIX teñen entre mans un ordenador libre, sen fíos e sostible, ó que lle chaman Belenus), semella -malia todo- ben encamiñado, como probablemente todo o que se fai con vistas a tirar proveito das enerxías limpas.
O dispositivo inclúe (como dixemos) un panel solar e un conxunto de baterías que se recargan grazas á enerxía absorbida pola dita infraestrutura nos intres en que loce o sol (en Galiza, ben poucos). Sexa como sexa, haxa luz a cachón ou non, as baterías son quen de alimentar ó router durante unha semana enteira, polo que dalgún xeito poderemos compensar dende Galiza o máis que probable agrisallamento do ceo.

PUBLICIDADE