Simyo lanza unha tarifa plana de banda larga móbil por 24,99 euros/mes

martes, 12 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Co verán moitas operadoras se lanzaron a ofertar conexións de banda larga móbil pensando na xente que se desprazaba durante as vacacións, e aínda que algo tarde, Simyo responde coa que se pode considerar a mellor oferta do mercado, pois por 24,99 euros/mes (+IVE) ofrece unha tarifa plana de conexión por HSDPA (3,5G) que funcionará a unha velocidade de ata 3,6 Mbps durante os primeiros 5 Gb descargados cada mes, tralos que limitará as transferencias a 128 Kbps (sen custo adicional).
Ata o momento outras compañías ofrecían conexións semellantes limitando a velocidade ao superar 1 ou 3 Gbps, polo que a oferta de Simyo (que incluso ten un prezo inferior) resulta moi atractiva, e incluso pode ser de interese para usuarios que vivan en zonas sen cobertura de ADSL ou cable.
Dende Simyo tamén destacan que non prohiben o uso de redes P2P coa súa conexión, aínda que lle dan menos prioridade a tal tipo de tráfico (de xeito que non será posible acadar unhas rápidas descargas).
Os usuarios que queiran acollerse a esta nova conexión tamén poden adquirir un modem 3G Huawei E220 libre por 99 euros, que é autoconfigurable tanto para Windows coma para Mac OS X.

PUBLICIDADE