Segue a incrementarse o uso do software libre nas empresas españolas

mércores, 21 de setembro do 2011 Raquel Noya

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de publicar os resultados extraídos da última enquisa sobre o uso das TIC e o comercio electrónico nas empresas españolas, un estudo que vén realizando anualmente dende o 2007 no que recada información sobre o uso de sistemas operativos libres, e que por primeira vez este ano, achega tamén información sobre o uso doutras tecnoloxías libres como navegadores de Internet, aplicacións ofimáticas, servidores web...
Neste senso, os datos revelan que o 75 por cento das empresas españolas empregan algún tipo de tecnoloxía baseada en software libre, unha cifra que mostra que as nosas empresas perciben o valor engadido que lles aporta o software libre no seu día a día.
Máis polo miúdo, a enquisa revela que o 63,4 por cento das empresas empregan navegadores de Internet libres, que o uso dos sistemas operativos libres triplicouse nun só ano (pasando do 9,5 por cento en 2010 ao 26,4 por cento no 2011) e que no 53,4 por cento das empresas as aplicacións ofimáticas tamén son libres, algo que á fin, entra na lóxica de calquera emprendedor ou empresario que queira recortar gastos innecesarios no seu negocio sen por elo perder rendemento nin garantías.
O Observatorio Nacional de Software de Fontes Abertas (ONSFA) de CENATIC, a través do seu responsable, Pop Ramsamy, mostra a súa satisfacción polos resultados extraídos da enquisa, e afirma que “reflicten que os emprendedores, empresarios e responsables tecnolóxicos son conscientes do valor que o software libre aporta ás súas empresas, úsano e cóntano”, engade.
Ramsamy sinalou os estándares abertos e a independencia de provedor tecnolóxico como “vantaxes obxectivas que están motivando este crecemento continuado nas empresas e que xa se estaba a producir na administración pública”.
“Como consecuencia”,continúa, “ao tempo que aumenta o uso, tamén está medrando a oferta de produtos e/ou servizos baseados en software libre, fortalecendo un sector tecnolóxico punteiro xa en materia de software libre en España”, conclúe.

PUBLICIDADE