Santiago acollerá ao segundo Iniciador Galicia

luns, 18 de maio do 2009 Marcus Fernández

Raúl Ordóñez, responsables de Negocio e Comunicación de Bitácoras, abrirá o II Iniciador Galicia

Tras o éxito de participación do I Iniciador Galicia celebrado en A Coruña, o encontro de emprendedores galego procurará moverse polas distintas cidades galegas para chegar a un maior público, recalando o 5 de xuño ás 19:00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela (sita na rúa do Vilar, 19).
Este evento comezará coa intervención de Raúl Ordóñez, responsable de Negocio e Comunicación de Bitacoras.com, a principal rede social de blogueiros en español. Ordóñez fará un repaso da historia da súa compañía e a súa adaptación á web social a través dun formato que combina blogs, comunidade e agregación de contidos. Tamén falará do modelo de negocio da empresa e da supervivencia e éxito dunha startup na Internet, con poucos recursos e baseada na fórmula do teletraballo (compre destacar que 2 das 5 persoas que forman parte do equipo de Bitácoras viven en Galicia), o que sen dúbida interesará aos galegos que queren iniciar as súas primeiras aventuras empresariais por conta propia.
Continuando coa fórmula deste tipo de eventos, os participantes poderán intercambiar opinións, experiencias e dúbidas, xa que este tipo de xuntanzas buscan a participación dos emprendedores, en vez de limitarse a ser relatorios de profesionais do sector tecnolóxico.
O encontro contará co patrocinio de BidoBido, o apoio audiovisual de AiraDixital e a confirmación de Caixa Galicia coma socio loxístico para Galicia deste tipo de encontros.

PUBLICIDADE