Santiago abre a segunda edición do tour de idEC sobre a música na era dixital

xoves, 3 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

A Universitat Pompeu i Fabrá (vía idEC) vén de anunciar unha nova convocatoria do seu tour de seminarios sobre os novos vieiros que está a adoptar o negocio da música perante o emprego masivo de novas redes de presentación e distribución. Amais das cidades de Bilbao, Madrid, Barcelona e Jerez, a xira (que, para que ninguén se engane, conta co respaldo de entidades ben pouco sospeitosas de apoiar o intercambio libre de cancións, como por exemplo a Fundación Autor) inclúe a Compostela para os días 7, 8 e 9 de maio, abrindo o percorrido por España.
Do que se trata neste novo tour é de afondar nos obxectivos da primeira edición, a do ano pasado (que tivo unha participación de 200 persoas e que incluíu a Vigo na listaxe de cidades convocadas), e que en boa medida pasan por afondar e procurar en posibles vieiros de compatibilidade entre o espallamento das redes dixitais e os modelos tradicionais de negocio e de defensa dos dereitos de autor.
“A consolidación dos novos hábitos de consumo propios da cultura dixital trasladan o poder ó consumidor e obrigan a propoñer de novo os usos e costumes dun sector que require, máis que nunca, de profesionais cunha visión global do negocio”, sinala a organización na web dos seminarios, co fin de achegar chaves sobre a súa utilidade nun mercado, o da música hoxe, que se fai cada día.
O programa e as condicións da inscrición nestes cursos pódese consultar polo miúdo na dita web dos mesmos, amais da listaxe específica de actividades para Compostela, que, por certo, vanse celebrar no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio, con sede no Polígono de Costa Vella.

PUBLICIDADE